jueves, 27 de diciembre de 2018

O APALPADOR

DECEMBRO - O APALPADOR



Chegou decembro e chegou polo tanto o tempo do Apalpador. Tempo para que este veterano carboeiro baixe dende as montañas do Caurel, para baixar á casa de todos os nenos e nenas de Galicia.

Deixou o Caurel atrás e tras varios días viaxando deu por pasar por Caamaño. Creemos que debeu empregar a nosa escola para resgardarse da noite de choiva, pois unha mañá na que chegamos ao noso cole descubrimos no medio da aula as súas botas...


Entre as botas un pouco de terra... de seguro que a foi apañando no calzado ao longo do seu camiño a través das montañas. Moi preto das botas un pequeno feixe de leña e ao seu carón, 3 xogos de madeira, como ben nos contara o noso profe, todo canto o Apalpador fai, é de madeira.

Era tempo de aprender a empregar e de xogar cos agasallos que o Apalpador nos deixou ao seu paso...


 Todos os agasallos...


 Construcións con leña


 Serie numérica e configuración de series con fichas de madeira.


 Aprendemos a poñer os cordóns nunha bota de madeira, para despois iniciarnos no complicado proceso de atalos.


Xogo de parellas de madeira no que poñemos en práctica a nosa concentración e a nosa memoria.



O Apalpador procedía dos elevados cumes da Serra do Caurel, unha serra da que xa oíramos falar cando tivemos a oportunidade de ler o conto de "A princesa do Caurel". Pero... tiñamos ganas de coñecela, de saber como era. É por iso que empregamos "google maps" para introducir o nome CAUREL e situala no mapa, atopar fotos onde puidésemos ver como era...
Rexistramos os nosos achádegos escribindo a palabra CAUREL, recortando e pegando unha foto deste fermoso lugar, e outra da peculiar casa do Apalpador, unha pequena cabana de madeira.






Observando ao Apalpador puidemos analizar algunhas das súas características físicas máis reseñables. Unha das cusas das que nos demos conta, é que o Apalpador era un home robusto... bueno... quen di robusto di... algo gordiño. Canto pesaría o Apalpador? E mellor aínda, canto pesariamos cada un de nós? Fixemos a proba... cunha pesa no cole pesámonos para comprobar canto pesábamos cada un e que números era necesario empregar para compoñer o noso díxito. O Apalpador?... o Apalpador érache tan gordo que mentres nós utilizamos dous números, el emprega tres...




Pero... observando ao Apalpador démonos conta doutra cousa... tiña un pé moito máis grande ca o noso, feito demostrable coas botas que deixara olvidadas na nosa escola. Canto mediría a súa bota? Que número calzaría? e mellor ainda.., Que número calzaría cada un de nós?


 Medimos a lonxitude da bota do Apalpador facendo ao seu lado unha ringleira de pinzas.


 Escribimos a palabra "botas", identificando as diferentes letras que a compoñen.




Buscamos nas nosas zapatillas o número que calzamos. Identificamos os díxitos e anotámolos.




Foron días tamén de coñecer a historia do Apalpador como máis nos gusta, a través dos contos.





Tivemos tamén a oportunidade de cantar e bailar ao son de cancións onde o Apalpador era o protagonista...





Agora comezan as vacacións pero á volta continuaremos traballando, xogando e investigando... e vós si queredes podedes velo todo seguíndonos neste blog e tamén na nosa páxina de facebook.

Bo Nadal
Próspero ano novo.



#Sabías que? Tal e como che dixemos antes no Caurel tamén vive a Princesa do Caurel. Este é o seu conto e a súa canción...




No hay comentarios:

Publicar un comentario