lunes, 23 de octubre de 2017

RECOMENDACIÓN DE CONTOS PARA SAMAÍN.

RECOMENDACIÓN DE CONTOS PARA O SAMAÍN

Nesta nova entrada queremos recomendarvos algúns títulos cun nexo en común, o medo. Deixámosvos un listado de contos axeitados para traballar o medo e, nas datas nas que estamos, a celebración do Samaín. Todos eles son axeitados para traballar con nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos, ainda que... debemos ter en conta que uns dan máis medo que outros, e que debemos xestionar ben "como o contamos" a sabendas dos nenos e nenas ante os que nos atopamos.

A BRUXA REGAÑADENTES.
A bruxa regañadentes é un conto de OQO editora escrito por Tina Meroto. Trátase do conto máis terrorífico de todos os que imos citar nesta nova entrada. A bruxa regañadentes vive nunha casa vella no medio do monte. Unha noite fría e escura recibirá a visita de tres nenos... que non saben ben onde se meten. Ademáis da portada do conto, deixámosvos o video-conto elaborado pola CRTVG e OQO para a coleción Os contos do camiño.


A FIGUEIRA DE PELOSTORTOS


OQO é a editora de A figueira de Pelostortos, un conto de Ana García Castellano e Mikel Mardones. Pelostortos é un home de terrorífica presencia, que custodia unha figueira da que afasta a todos os nenos/as a través da ameaza e o medo. Chegará un día en que os nenos lle fagan sentir ese mesmo medo ó propio Pelostortos.
Deixámosovos ademáis da portada do conto, dous videos onde se narra este conto. O primeiro realizado polo CPI Uxío Novoneira, e o segundo, unha animación con plastilina do CEIP Ponzos.


SEÑOR RAMÓN E SEÑORA RAMONA






Beatriz Montero e Leire Salaberría son as creadoras de "O señor Ramón e a señora Ramona" editado por OQO. Trátase dun conto no que se narra a historia dunha parella que atopándose na cama, escoitou un misterioso ruído que proviña da cociña... Que medo!! Que sería ese ruído?
Deixámosvos a portada do conto e 3 videos. Neles poderemos atopar un videoclip creado polo CEE Vilagarcía de Arousa, unha curtametraxe muda versionando o conto, e un contacontos desta historia.


CARABUÑAS



"Carabuñas" de OQO e creado por Margarita del Mazo e Charlotte Pardi, narra as aventuras e tamén desventuras dun monstruo chamado Carabuñas. Carabuñas é o terror das noites, nas que lle encanta baixar ás vilas dende a súa casa no monte, para comer nenos e nenas. Todo cambia a noite en que coñece a unha pizpireta rapaza que lle dará a volta ó conto.
Deixámosvos a portada do conto, asi como o video-conto elaborado polos rapaces do CEIP Coirón de Dena.


A MIN NON ME COMAS

"A min non me comas" de Margarita del Mazo e Vitali Konstantinov e editado por OQO, narra a historia dun neno moi valente que xa está farto dun monstruo que visita cada poucas horas a súa habitación.


FIZ, O COLECCIONISTA DE MEDOS

Este conto obra de Fina Casalderrey e Teresa Lima e editada por OQO, narra a historia dun neno que decide deixar atrás todos os seus medos. Trátase quizais da máis complexa das obras aqui recollidas. E referímonos por complexa da cara a comprensión dos nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos. Será labor do narrador facerllo entender e que o desfruten.


PEGADAS XIGANTES

"Pegadas de xigantes" é a obra de Fernando Krahn para a editora KALANDRAKA. 
A misteriosa aparición dunhas pisadas xigantes na neve da aldea marca o inicio da historia. Unha historia que manterá en vilo ós máis pequenos imaxinando cal pode ser o monstruo xigante que se agocha tras esas pisadas.
 
 
Estas foron algunhas das nosas recomendacións literarias de cara ó Samaín. Agardamos que as desfrutedes. Lémonos na seguinte entrada.


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario